Que é AETER?

A Asociación Española de Terminoloxía (AETER) foi creada no ano 1997 en Madrid por iniciativa de persoas e institucións interesadas no estudo sobre a terminoloxía e as linguaxes de especialidade, e na elaboración e consulta de recursos terminolóxicos en español e nas demais linguas de España.
AETER é unha asociación de ámbito nacional, sen ánimo de lucro, cuxos obxectivos principais son desenvolver e promover a Terminoloxía como disciplina, estimular a elaboración de recursos terminolóxicos necesarios e difundir os recursos existentes.
AETER organiza regularmente Xornadas de Terminoloxía coa finalidade de facilitar o intercambio científico e concienciar ás entidades xeradoras e consumidoras de terminoloxía da importancia que esta ten na comunicación e a divulgación en ámbitos de especialidade. Nestas Xornadas trátanse temas relacionados coa terminoloxía en calquera das súas vertentes, tanto teóricas como prácticas e aplicadas. Igualmente, a Asociación participa en reunións, congresos e outras actividades relacionadas coa terminoloxía e materias afíns.
AETER mantén relacións con organismos, asociacións e organizacións autonómicas, nacionais e internacionais co obxecto de favorecer a coordinación do uso común das linguas especializadas. Forma parte da Rede Iberoamericana de Terminoloxía (RITerm) e da Rede Panlatina de Terminoloxía (REALITER). É membro, en relación de reciprocidade, da Societat Catalá de Terminologia (SCATERM).
AETER está aberta á participación e ao esforzo de todos aqueles interesados na Terminoloxía en calquera dos seus aspectos ou vertentes. Son membros de AETER persoas a título individual e institucións moi diversas, entre as que se contan a Real Academia Nacional de Medicina e a Real Academia Española, departamentos e institutos de distintas universidades, a Asociación Española de Normalización (UNE), os centros de terminoloxía doutras linguas de España, TERMCAT, UZEI e TERMIGAL, e diversas entidades privadas do ámbito das industrias da lingua e a edición.
Poden formar parte de AETER aquelas persoas ou institucións que así o soliciten, de acordo cos Estatutos da Asociación. Os socios institucionais están representados por unha persoa da súa designación, sen prexuízo de que esta última sexa, á súa vez, socio a título persoal.