Amelia de Irazazábal

Amelia de Irazazábal Nerpell
(Crémenes 1926 – Madrid 2004)

Doutora en Ciencias (1953) e profesora adxunta na cátedra de Química Orgánica da Universidade de Valladolid, en 1968 ingresou no Instituto de Información e Documentación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), onde desenvolveu un intenso e frutífero labor en terminoloxía ata a súa xubilación. Unha das mellores especialistas no vocabulario científico e técnico, comezou por impulsar os seus traballos, desde o CSIC, coa creación no ano 1977, xunto co profesor Criado de Val, de Hispanoterm (Centro de Terminoloxía Científica e Técnica en Español) e en colaboración cos organismos internacionais de normalización terminolóxica máis importantes do seu momento.

A súa actividade incesante en prol da terminoloxía en lingua española orientouse a través dos Programas de Investigación sobre a Normalización da Lingua Científica Española que desenvolveu no ICYT (Instituto de Información e Documentación en Ciencia e Tecnoloxía) e no ISOC (Instituto de Información e Documentación en Ciencias Sociais e Humanidades), dirixindo o Grupo de Terminoloxía do CSIC, que a partir de 1985 se denominou TermEsp, o gran corazón da terminoloxía para o español peninsular. Xunto á súa defensa da terminoloxía en lingua española, tamén argumentaba e defendía a presenza nos vocabularios científicos e técnicos das outras linguas de España (catalán, galego e vasco), cuxo desenvolvemento apoiaba sen descanso.

Neste sentido, simultaneou a intensa actividade, desempeñada no CSIC, cunha estreita relación coas institucións nacionais (UZEI e TERMCAT) e internacionais (Infoterm, TermNet e Unión Latina) para a elaboración e desenvolvemento de linguaxes documentais e tesauros multilingües.

Propúxose tamén a formación de especialistas, primeiro no ICYT e despois en numerosas universidades españolas (Granada, Valladolid, Alcalá, Las Palmas de Gran Canaria, Complutense de Madrid, País Vasco, Jaume I de Castelló, etc.), nas que tamén deu cursos de doutoramento.

Autora de máis de medio centenar de glosarios, tesauros, libros e artigos, participou en numerosos contratos de investigación con empresas públicas (Comisión da Comunidade Europea, Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, Ministerio de Sanidade e Consumo, Organización Mundial da Saúde, etc.) e privadas (Logomotiv, Mapfre, Airtel, entre outras). Tamén compartiu a autoría científica co seu marido, Miguel Pedro de Andrés, colaborando con el na elaboración do Stahleisen-Wörterbuch (Deutsch-Spanisch, Spanisch-Deutsch) Dicionario ferro e aceiro (alemán-español, español-alemán). Editou, xunto con Unión Latina, o Catálogo de recursos terminolóxicos en lingua española.

A Universidade de Granada concedeulle a medalla de ouro como mostra de recoñecemento á súa asidua colaboración cos estudos de tradución e interpretación.

No ano 2003 o International Information Centre for Terminology (Infoterm) concedeulle o Premio Eugen Wüster(*), galardón outorgado a investigadores que destacaron internacionalmente no campo da terminoloxía.

Purificación Fernández Nistal
Xunta directiva de AETER

(*) DDiscurso de aceptación e agradecemento de Amelia de Irazazábal e fotografías do evento: arquivo_PDF

Véxase tamén:

Gómez de Enterría, Josefa; Gallardo, Natividad (2005): “Amelia de Irazazábal, in memoriam. Amelia de Irazazábal Nerpell (1926-2004): impulsora de la terminología científica en lengua española”. En Gómez de Enterría, Josefa (coord.): Comunicar y enseñar a comunicar el conocimiento especializado. V Jornada-Coloquio de la Asociación Española de Terminología (15 de Octubre de 2004). Madrid: Centro Virtual Cervantes.
Acceso ao texto completo:
http://cvc.cervantes.es/lengua/aeter/memoriam.htm

Navarro, Carmen (ed.) (2008): Terminología, Traducción y Comunicación Especializada: Homenaje a Amelia de Irazazábal: Actas del Congreso Internacional, 11-12 de Octubre 2007, Università Degli Studi di Verona, Dipartimento di Romanistica. Verona: Fiorini. ISBN: 8887082804, 9788887082807

Mayoral, Roberto; Gallardo, Natividad (2012): “Estimada Amelia”. En Terminàlia, 6 (juny 2012), pág. 60-62
Acceso ao texto completo: http://revistes.iec.cat/index.php/Terminalia/article/view/65809/pdf_378

Cabré, M. Teresa (2012): “Nota en record d’Amelia de Irazazábal, sempre present en el meu record”. En Terminàlia, 6 (juny 2012), pág. 63-64
Acceso ao texto completo:
http://revistes.iec.cat/index.php/Terminalia/article/view/65810/pdf_379

“Bibliografia més rellevant d’Amelia de Irazazábal” [compilada por Gemma Martínez Ayuso]. En Terminàlia, 6 (juny 2012), pág. 65
Acceso ao texto completo:
http://revistes.iec.cat/index.php/Terminalia/article/view/65811/pdf_380